Un día destes, en Roma…

Brancos, negros, homes, mulleres, italianos e non italianos comparten a cidade eterna, Roma. Este filme mostra a maneira de actuar na xente en diversos ámbitos da vida diaria, como pode ser o rapaz que é “abordado” polo xornalista no autobús, tratando a este último coma un tolo mais apropiándose dos seus métodos trata de iniciar unha conversa cunha rapaza que senta ao seu carón posteriormente.

Tamén no que respecta ás dobres caras atopamos o home que rexenta o bar no que entra o rapaz negro, de cara á galería moi ben pero despois muda de faciana (tal e como lle acontece ao estafador  e á rapaza que actúa de gancho en Following, que mudan a forma de actuar cando están xuntos e cando están coa vítima).

Despois atopamos os supostos encontros marcados por unha aparente superioridade na escala social dunha das personaxes mais que, sorprendentemente, rematan por unir experiencias e esquecer a calidade da vestimenta que levan posta ou a riqueza de cada un.

Inferioridade tamén transmiten os anciáns que se someten ao test que determinará se padecen a temida enfermidade de Alzheimer. Desta volta é unha inferioridade marcada pola imposibilidade de responder a patróns de actuación básicos como pode ser repetir tres palabras ou volver a debuxar unha sinxela figura. Aquí o doutor sería o que está situado por riba mais a súa actitude contrasta coa de, por exemplo, o camareiro que mencionaba antes.

Finalmente, é curiosa a actitude do home que, contra o remate do filme, escoita voces no camposanto, movido seguramente pola necesidade de escoitar a alguén e manter un intre de conversa. Esta necesidade de escoitar e ser escoitado  aparece no momento en que trata de falar coa condutora do autobús, aínda que esta do filme (ao igual que moitas e moitos na vida real) non sempre ten o ánimo suficiente para charlar.

Estes son os encontros que máis chamaron a miña atención pero, quen sabe cantos tan curiosos ou máis haberá en Roma cada día!

Vizoso García, Ángel Antonio T8A S3F

Posted on 5 Maio, 2013, in Posts individuais and tagged . Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Deixar un comentario