Restauración do pé de vía do sector Binaca, Monte Galiñeiro (Gondomar, Pontevedra. Galiza)
Convocatoria para o sábado 6 de xullo de 2019, dunha xornada obreira de restauración do pé de vía do sector Binaca, no Monte Galiñeiro.
Lugar e hora de concentración: 09:30h da mañá do vindeiro sábado 6 de xullo, xunto ó refuxio do Monte Galiñeiro.
A senda de acceso ós sectores principais do Galiñeiro, está moi erosionada dende o lume do verán do 2017.
Fai 2 semanas, Juan, Fer, Carducho e eu apañamos madeira queimada nas proximidades do refuxio e repartímola pola senda que leva ós sectores principais de escalada para poder construír uns socalcos nos puntos máis deteriorados do camiño.
Un par de días despois, Carducho construiu con troncos e pedras dos arredores varios socalcos e chanzos no tramo de maior pendente entre o sector Binaca e o sector das Placas Verticais.
Sen dúbida a erosión continuará degradando a senda pero pretendemos reducila polo de agora, e que nos sirva de referencia para observar no inverno en que máis puntos se precisaría de novas intervencións para tentar establecer un camiño estable que non se deteriore ó ritmo actual.
Restauración do pé de vía do sector Binaca.
Pretendemos agora realizar unha obra de moito maior esforzo: o pé de vía do sector Binaca perdeu todo o manto de herba que orixinalmente tiña e como consecuencia delo, a erosión socavou máis de medio metro o nivel do chan, deixando un pé de vía en pendente con terra solta e pedras ó descuberto que dificultan tanto o paso como o inicio da escalada e aseguramento; e cun estado que cada vez empeora máis rapidamente.
Volver a crear un novo chan nivelado, con pouca pendente e estable, require da colocación de pedras de gran tamaño encofradas coa madeira apañada nas proximidades para construír uns socalcos escalonados. Localizar e traer dende as proximidades unha cantidade de pedras -e de tan grandes dimensións- como as necesarias, así como trasladar terra de abondo para asentalas e cubrilas, supón un duro traballo para o que se precisaría da colaboración de canta máis xente mellor.
Asemade, para evitar que siga deteriorándose o pé de vía, pretendemos abrir senda un par de metros máis separados do muro, para que o tránsito de subida e baixada ós sectores de escalada principais non contribúa de novo á erosión do que agora reparemos.
Convocatoria dunha xornada obreira de restauración do pé de vía do sector Binaca.
A nosa intención é facer todo o choio nunha soa xornada que, dependendo de canta xente acuda a colaborar, durará medio día ou -ó mellor- todo o día.
Por suposto, calquera pode achegarse libremente a botar unha man (mellor as dúas) cando lle pete, pero imos establecer como hora de concentración para empeza-los traballos as 09:30h da mañá do sábado 6 de xullo.
O único material que cada quen debe traer son luvas (para non manca-las mans ó trinca-las pedras), roupa para traballar e un bocadillo (que seguro que fará boa falta 😉 ).
Pregamos que difundades esta convocatoria e agradeceriamos que as persoas que queiran confirmar que se achegarán ese día nos avisedes, ben persoalmente decíndonolo a Carducho ou a min, ou se non nos vedes ou coñecedes, mediante un correo electrónico a trepadasecordadas@gmail.com. En todo caso se vides sen avisar seredes igualmente benvidos/as.
A construción do Gran Valo
(hai quen prefire chamalo: “The Fucking Wall”) 😀
Chegado o día, xuntámonos unha ducia de boas, xenerosas e animosas persoas 😀 : Cristóbal, Juan Lozano, André, Mundi, Jose, Lois, Noe, Sergio, Luis, Manu, Carducho, eu e unha parella anónima do Grupo Alud que se parou un rato a botarnos unha man pola tarde.
Infinitas grazas a tódalas persoas que viñestes polo voso inmenso traballo de balde e estupendo ambiente creado. Estou seguro que para outra… volo pensaredes dúas veces antes de volver a arromba-lo lombo… 😉
E, coma non, hai que loubar e recoñecerlle a gran iniciativa e dirección de obra de Carducho, que aínda segue a darlle ó maxín -e ó mazo-. 😀
Como mostra dos traballos comparto un pequeno vídeo da colocación dunha das pedras máis tochas do valo, e unhas fotos descritivas da xornada.
Erosión do pé de vía do sector Binaca.
Primeira tarefa: apañar pedras grandes.
Empezando a coloca-las pedras.
Técnica construtiva tradicional: pedra seca.
(as comparacións son odiosas, eh ;-D )
Transporta-las pedras máis grandes require de traballo en equipo.
Algúns retoques de canteiría son necesarios para asentar axeitadamente as pedras.
O valo de contención vai tomando forma.
Chamarémoslle… “The Fucking Wall”.
Para a esquina buscamos unha pedra trapezoidal.
Menos mal que estaba preto!…
Hai que estudia-la súa forma para colocala axeitadamente,
Coloca-la no seu sitio deu choio!
Colocando as últimas pedras antes de pedir papas…
Namentres o muro vai tomando altura, o seu interior vaise recheando de terra e pedras miúdas.
Xa pola tarde, colócanse chanzos para que a xente circule ó carón da parede, pero non polo seu pé de vía.
Para rematar facía falta apañar máis troncos e polas coas que face-los chanzos e algúns fungueiros.
Unha pose antes dos últimos “toques”.
Abaixo cos castelos da nobreza!!!!!
Viva revolta irmandiña!!!!!
Retirada para casa… ben… pero antes paramos no bar, non?
Primeiro plano duns chanzos.
A plataforma contida polo valo.
Vista frontal do valo e os novos chanzos da senda.
Vista lateral do valo, con paos cubríndoo para evitar que se atalle polo seu interior en vez de seguir pola senda.
A técnica construtiva da Pedra Seca.
https://photos.app.goo.gl/hfxMSBjY5EVgosjP6
A pedra seca é unha técnica de construción tradicional galega consistente na “colocación ordenada dunhas pedras sobre outras, sen labrar, trabadas sen argamasa ou morteiro de compactación e soamente sustentadas polo seu propio peso e a solidez que confire a correcta disposición construtiva”.
Trátase dun dos exemplos de coñecementos e usos máis relevantes das formas de vida tradicional que resulta especialmente relevante nas comarcas de Pontevedra, Terra de Montes, Deza, Bergantiños, Terra de Soneira, Xallas, Fisterra, Terra Chá e Ribeira Sacra. Esta técnica fíxase e transmítese a través do milenario oficio dos canteiros e afecta á relación das comunidades co medio, creando e definindo unha contorna característica de Galicia.
Muros, peches e construcións adxectivas para diferentes usos agrarios e gandeiros como alvarizas, neveiras, pombais, hórreos, alpendres, foxos do lobo ou muíños contribúen a definir e representar a estrutura da propiedade ou explotación do territorio.
Fontes:
-
- http://historiadegalicia.gal/2018/12/a-pedra-seca-un-xeito-de-construcion-unico-que-acaba-de-ser-declarado-patrimonio-inmaterial/
- https://www.galiciamaxica.eu/blog/el-arte-de-la-piedra-en-seco-primer-patrimonio-gallego-incluido-dentro-del-patrimonio-inmaterial-de-la-unesco/
- http://blog.fundacionlaboral.org/tag/piedra-seca/