#torredosmouros (4): as evidencias do monumental

Last updated on 3 / Agosto/ 2012


O mar de Lira, enfronte da Torre dos Mouros. Fotos: Sole Felloza, Andrea L. Lozano, Carlos Toural

Hai un momento, mesmo cando conflúen no alto deste monte setenta persoas ao mesmo tempo, no que non se escoita nada. Só o son das paletillas, ao fondo o dos fouciños, algunha exhalación pola outra banda. Os traballos aquí arriba, a todo o sol, continúan sen pausa, con rapidez. E con interesantes achados. Estamos na Torre dos Mouros.

O grupo de arqueólogos do Incipit traballan con rapidez no lenzo oriental. Do que se trata é ver como se relaciona o edificio co seu contorno. Nas sondaxes aparece un dato interesantísimo: anexo ao edificio do fondo, sae outro muro que avanza cara o sur. Seguimos sen cultura material -clave para facer datacións, anacos de cerámica ou outro tipo de obxectos- pero temos unha segunda variable moi importante en arqueoloxía: a cronoloxía relativa. O novo muro anexo ao edificio está, claramente, nun nivel superior ao gran edificio do carón. A diferencia é apreciable a simple vista, pero ademáis, a súa factura é claramente peor ao edificio anterior. Sabemos algo máis: traballouse intensamente neste lugar ao longo dunha secuencia ampla de anos, pero non sabemos se o novo muro conviviu co antigo edificio.


Limpando o espazo entre as dúas murallas

Entrementres, ábrese unha nova fronte, máis branda, na zona de entrada. Para nós, o lenzo occidental é fundamental desde un punto de vista didáctico. Os arqueólogos denominan monumentalidade a ese proceso polo cal unha sociedade constrúe non só realiza unha construción con obxectivo utilitario, senón tamén para comunicar algo con ela, para facela máis impoñente. Obviamente, a noción de monumentalidade cambiou ao longos dos séculos, e tamén as tecnoloxías para monumentalizar. Non é o mesmo a vontade de monumentalización da fachada do Obradoiro da catedral que a que podía existir no mundo tardoantigo ou na Idade do Ferro.

Na Torre dos Mouros, desde o primeiro momento tiñamos unha certa hipótese: podería haber un maior esforzo de monumentalidade no lenzo occidental, o que mira cara o mar. Como se precisaran amosar con máis forza a fortaleza por esa banda. Se un se achega ao porto de Lira, un antigo abrigo natural sempre empregado polos pescadores, o lenzo occidental agora comeza a verse.


Aparece o pavimento de acceso

Os voluntarios de Carnota ronzan como se niso lles fora a vida. E unha chea de voluntarios da escavación afánanse nas tarefas de limpeza fina, retirando vexetación: toxos, silveiras, fentos, que esborralla e fai difícil percibir, para o pouco coñecedor, a antiga monumentalidade desta muralla e esta caixa central. Outros voluntarios van coidadosamente retirando a cuberta vexetal do camiño que penetraba entre as dúas murallas. Isto non é baladí: aínda que nos comentaban que o camiño fora aberto había non moitas décadas para meter un tractor que permitira construír a caseta do ICONA na zona máis alta do monte, había cousas que non encaixaban. Esta perfecta unión, con dous muros que descenden, entre a primeira e a segunda muralla, era orixinal ou froito da acción do tractor por abrirse paso entre o escombro da fortaleza? A nosa dúbida estaba nas fotos antigas. Tanto no voo americano do ano 1956 como noutra foto do catastro, ese estreito corredor rodeado de muros entre a primeira e a segunda muralla estaba aí. Pero a caseta aínda non estaba.


Os scouts limpan a vexetación que cubre a calzada, segundo baixa cara a primeira muralla


Apréciese o desnivel que vence a calzada

A limpeza comezou a dar froito moi de contado. Non pasou moito antes de que aparecese un enlousado que subía, moi en pendente, desde a primeira muralla. Confirmábase a antigüidade do acceso! Non era coxuntural, ou froito dunha presión de tracto. Alguén se preocupara en colocar sistematicamente as lousas, seguindo un vello principio tradicional. Laxes en sentido horizontal, intercaladas por tramos por outras en sentido vertical que fan o contrapeso e axudan a que o camiño non ceda pola gravidade e o peso. A calzada incrementa a monumentalidade do espazo, pero tamén crea un tipo de solución arquitectónica moi pouco típica. Un acceso en liña recta rodeado de muros, entre dúas murallas. Os accesos castrexos, por exemplo, tenden a ser en diagonal para ofrecer unha maior posición defensiva ás forzas que protexen a acrópole. Isto é bastante máis escaso.

Despois destes traballos, comezamos a ter unha idea máis aproximada de como puido estar construído este lugar.

Neste infográfico de Andrea L. Lozano e meu, comezamos a comprender a apariencia do lugar. Coma sempre, hai que tomalo non como unha representación real, senón coma un borrador a partir das cousas que estamos atopando, e profundamente hipotético. Agora sabemos que o corredor entre as dúas murallas está empedrado, e que moi posiblemente estes dous muros fosen orixinais. O aspecto, coa muralla intermedia ao fondo, tiña que ser impoñente. Coma sempre, a ubicación de madeira sobre a muralla é hipotética, e baseada nas solucións de fortificacións enunciadas moitas veces nos traballos históricos para os castros ou as fortificacións altomedievais: construcións mixtas de terra, pedra e madeira.

Cun sol implacable, a Torre dos Mouros comezaba a ofrecer máis froitos. Ao rematar o sábado, quixen ir nadar ao Mar de Lira. Cunha auga deliciosa, o inxente traballo levado a cabo estes días de limpeza permitía albiscar, por fin, algo da grandeza de antano, nesas raias que se vislumbraban no acceso aos outeiros da montaña da Garganta Grande. A paisaxe, de súpeto, comezou a falar de novo.

3 Comments

  1. miguel
    27 / Xullo/ 2012

    Por fin, tiña tanta curiosidade que xa me tardaba! Reservo a lectura para a sesta, as fotos prometen. Parabéns e cumprimentos.

  2. puede ser
    2 / Agosto/ 2012

    Noraboa polo traballo! La ausencia de vestigios cerámicos o metálicos podría significar algo muy sencillo: que sus constructores y usuarios no conocían o usaban cerámica o metales.
    La construcción puede ser relativamente sencilla si se usa la fuerza de la gravedad para ordenar en murallas un roquedal preexistente.
    Respecto al uso me parece que el peligro eran más los animales que otros humanos. La calzada permitiría llevar víveres y leña desde otros lugares y las murallas permitirían que los habitantes durmieran tranquilamente.
    ¿Datación?, anterior a las culturas que conocían

  3. puede ser
    2 / Agosto/ 2012

    …metales y cerámica. (perdón pola interrupción)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará