Unha nova e enorme fortificación sen catalogar en Carnota: a Torre dos Mouros

Last updated on 20 / Abril/ 2012

Lembra que podes ler este post escoitando a banda sonora das Repúblicas de Homes Libres en Spotify.

Esta fin de semana foi un destes momentos nos que a pel se te pon de galiña e te enches de emoción: pasado e presente únense de xeito violento e fermoso. Para min, nada ten máis pracer que achegarme a un espazo descoñecido, a un espazo no que todo está por descubrir, e se é nun dos territorios máis queridos do país moito máis. Nun país cos montes totalmente abandonados como Galicia é relativamente frecuente atopar novos petróglifos sen catalogar. Pero o que non é tan habitual é atoparse unha espectacular fortificación de máis de dúas hectáreas aínda sen figurar no Inventario do Patrimonio Arqueolóxico de Galicia. Isto pasounos no concello de Carnota, na parroquia de Lira.

Os amigos da asociación Parque Natural Monte Pindo levaban tempo sabendo da existencia dun “novo castro”. A cousa quedara aí. Pero o outro día estaba eu no monte e recibín unha chamada de Xil Caamaño, o presidente da asociación.

-Acabo de estar co rapaz e agora conseguín ver as fotos e, oíches, aquí parece que hai un novo castro. Pero a min recórdame ás murallas do Pindo.

Chimpei da impresión.
-En Lira?
-Si. Monte arriba.

En canto cheguei á casa abrín o Google Earth e repasei o territorio de Lira e a pista que desde alí conforma a senda verde que vai percorrendo as ladeiras do circo montañoso onde se garda unha das maiores coleccións de petróglifos de Europa -aínda sen coñecer polo gran público. Coñecía algo este espazo.

Espera.

Non todo. Que raio é isto?

Pasmei ao ver un monte chamado Garganta Grande ubicado xusto enriba das casas da parroquia de Lira. E nese monte, aparentemente ben delimitados, os restos de derrube dunhas grandes murallas que discorrían en paralelo cercando o alto do monte. Seguindo a divisoria das murallas, aparentemente os gandeiros ergueran unha serie de valados directamente aproveitando os muros do derrube.

As casualidades fixeron que xusto neses días contactara comigo Luis Cordeiro, un arqueólogo mariñao que está a elaborar o catálogo de bens patrimoniais do novo PXOM de Carnota. Intercambiamos algo de información sobre o Monte Pindo e eu inmediatamente pregunteille por este lugar.

-Pois non está no catálogo, cabaleiro.

Pouco despois revisou en detalle as fichas e advertiu algo curioso. Había unha ficha dun Outeiro dos Mouros, que algún catalogador situara no monte de enfronte. Advertíase de que non se percibía ningún tipo de resto, pero denotábase que naquel lugar existía unha tradición de mouros. Os catalogadores non deran chegado ata este lugar. Cordeiro remitírame algo máis de información, ben valiosa. Unha copia dixital do voo que o exército americano fixo sobre a península nos anos 1956-57. Lanceime contra esas míticas imaxes en blanco e negro en busca de respostas.

-Tate.

Aqueles muros seguían estando. Mesmo podía percibir que o nivel de derrubo era moito menor que na actualidade. E os peches gandeiros aínda non estaban. Aquelo era algo, e algo moi gordo. E había outro detalle máis. Cordeiro achega unha referencia dun libro tan marabilloso como esquencido: a Geografía General del Reino de Galicia, de Carré Aldao.

Aos poucos días consultei a fermosa edición de 1936, que é unha auténtica porta no tempo á agricultura, costumes, poboación, orografía, ruínas, minería, ventos, mareas, árbores, peixes, traxes, camiños deste vello reino. Percorrín as follas fascinado ata dar co que buscaba. As “ruinas de un fuerte antiguo”:

Chamoume a atención que Carré Aldao, que coñecía ben os castros, non definira a este lugar como un castro, senón como un “fuerte”.

É domingo pola mañá. Un grupo de curiosos quedamos en Lira, cabo do busto ubicado no lugar no que Castelao pronunciou un histórico mítin nestes remotos -naquel tempo- baldíos da Costa da Morte.

-Os vellos dicían que alí vivían os mouros -asegúranos Jordi Tato, que é o rapaz de porte deportista que ten percorrido aquel monte e lle pasou a información á xente do Monte Pindo.
-Entre o monte do Castro e o monte do Medio -completou Xil- hai un cabaliño de ouro soterrado.

Jordi asentiu.

Subimos ata o alto daquel monte, destacado e prominente no seu contorno, pechando visualmente o circo de Carnota. No estremo norte, a masa inmensa do Pindo desdebúxase no medio dunha brétema mariña. Pero aquí, nos altos do Monte do Castro, peta un nordés inmenso, de volver tolo.

Os vieiriños dos animais entre o mato guíannos monte arriba, pero eu desde abaixo xa percibín o que estabamos buscando. Beireamos toxos e silveiras. Ata que de súpeto aparece algo fascinante. Este murallón.


Fotos: Antón Malde e Manuel Gago

Este acceso desde o oeste incorpora este enigmático corredor, que é todo un desafío. Aínda que Jordi nos comenta que lle contaron que o acceso foi aberto polo tractor, o problema é que a configuración da muralla é estraña. Ese paso aberto polo tractor entre os restos do murallón resulta que se integran harmonicamente coa primeira liña de murallas, un pouco máis abaixo. Aquí está un panorama:

Habería que limpar a área para comprobar a cuestión. Ademáis, parece que poderían existir máis portas estreitas nese murallón, como as que temos visto por exemplo, no castelo de Portomeiro, entre as dúas liñas de muralla.


O corredor de acceso entre os muros.

As expectativas confírmanse. É un enorme recinto fortificado. Son dúas murallas concéntricas que rodean todo o monte cun clarísimo carácter defensivo, complementadas con solucións de peche de fallas máis pequenas. As muralla é moi grande, de pedras cortadas ao bruto, unidas aparentemente sen argamasa, con paramentos uniformizados pola cara exterior e cun anchor, na muralla perimetral interior, de máis de dous metros. O tema interesante vén no interior. Hai como unha zona ampla e despexada, que Jordi nos confirmou (coñeceu o lugar despois dun incendio) que estaba baleira, e hai unha sorte de cidadela ou último reducto, caracterizada por un murallón enorme que pecha unha zona abrupta e en pendente e que prolonga a muralla no medio das ladeiras de laxes. Esta é unha curiosa solución empregada noutras fortificacións de similar fasquía, como a do Pindo ou a do Galiñeiro.


Muro interior


Enorme sillar do muro interior

Este murallón mantén aínda algunhas das enormes laxes da base, ben escadradas, de máis de metro e medio de longo, pero a xulgar pola masa que se ve na ortofoto de 1956, cremos que aquí se retirou pedra. Esta muralla, como digo, parece pechar unha sorte de último reduto.

Nin no recinto grande nin nesta cidadela parecen apreciarse restos de habitacións. O interior está completamente baleiro. Este enorme esforzo construtivo e non se aprecian casas castrexas no interior.

Seguimos examinando o lugar. Efectivamente, as grandes murallas percorren e pechan todo o recinto de xeito eficiente, na liña de pendente; ten toda a pinta de ter habido extracción de pedra da muralla en áreas de doado acceso. Naquelas máis difíciles, a muralla chega a conservar metro e medio de altura.

Xurxo e máis eu mirámonos complices e ladeamos a cabeza: cremos que xa estamos outra vez cun condenado Castelo Baleiro. Os seguidores das Repúblicas de Homes Libres coñecen ben este termo. Estas enigmáticas fortificacións de gran aparello defensivo, grandes dimensións e interiores…baleiros. A fortificación, de carácter ovalado, acada no seu eixo NE-SO 217 metros de longo, e no NO-SE, 135 metros. Como digo, máis de dúas hectáreas e medio quilómetro de desenvolvemento de muralla.

A cronoloxía deste lugar: argumentos para a discusión

E aquí vén o asunto importante deste lugar. A pregunta que nos xurdiu a todos arriba. De que época é este lugar?

A cuestión é que é moi difícil precisalo. Malia estar en bo estado de conservación, non puidemos apreciar anacos de cerámica, tégula, tella ou calquera cousa que nos puidera axudar a determinar con maior precisión o intervalo cronolóxico. O principal elemento que apoiaría, a día de hoxe, a adscrición cultural castrexa deste lugar sería o propio topónimo, Monte do Castro. Como sabedes, a toponimia é unha ferramenta de alta precisión. Acerta, neste caso?

Teño unha dúbida razoable ao respecto. Mirade isto:

Nesta imaxe podedes ver os dous poboamentos castrexos catalogados oficialmente no circo de Carnota. Está o de Lira/Miñarzos e o castro de Mallou (que foi obxecto de campañas de escavación) e do que temos falado en Capítulo Cero. Ambos os dous responden ao modelo ocupacional da II Idade do Ferro nesta área: zonas prominentes, pero próximas aos cultivos e fontes de recursos como auga. Para Mallou está bastante clara a cronoloxía do seu horizonte final: o cambio de era. O castro non se chegou a romanizar e mesmo rexistra unha fase de “nerviosismo construtivo” no seu último momento. E sabemos moito das súas técnicas construtivas.

Curiosamente os dous xacementos castrexos atópanse na zona sur do circo de Carnota, moi próximos entre si. Este novo xacemento tamén está no sur, moi próximo a estes dous, tremendamente próximo, só que nunha posición moi diferente. Atópase case a 300 metros de altura, nun espazo de duras condicións de habitabilidade, sen terras de cultivo aparentes nas proximidades. Estando tan próximo, o seu patrón de asentamento é moi distinto aos de Mallou e Lira.

O criterio de escolla podería encaixar entón con outra fase castrexa, o Ferro I, a primeira fase do mundo castrexo, evolucionando directamente desde o Bronce, aproximadamente no 800-500 a.C. Como di un amigo, a xente do Ferro I escollía moitas veces “lugares infames”, montes enormes, territorios aparentemente estériles, propios só para unha sociedade de gandeiros. Podería ser o caso?

Temos algúns posibles exemplos de Ferro I na costa galega, relativamente próxima. Por exemplo, a Leghua Seca, en Porto do Son. Pero hai outro problema: son moito máis pequenos e as defensas son moitísimo menos complexas e monumentais que o que estamos vendo aquí. Non teñen nada que ver. Para ver esta monumentalización temos que meternos en Ferro II. Pero o Ferro II deixa casas, deixa urbanismo…e aquí só parece haber prados tapados por toxo. Sendo bizarros, mesmo poderiamos ter unha hipótese Bronce final…pero aí nin me atrevo a entrar.

En todo caso, os patróns e os modelos, cando falamos de hábitats arqueolóxicos, están para crebarse. Non hai normas ríxidas.

Aínda que para saber as cousas con certeza é preciso realizar unha intervención ou atopar materiais, a miña opinión é que poderiamos estar ante unha das fortalezas máis espectaculares do difuso mundo tardoantigo e altomedieval que levamos perseguindo ao longo deste tempo. E insisto: isto é unha impresión persoal a partir do que vexo alí, pero con gusto mudareina se as evidencias ofrecen outros datos. Os meus argumentos son esencialmente arquitectónicos: os castrexos non construían así, e temos o caso inmediato de Mallou, onde empregan pedra moito máis pequena, moito máis preparada, e doutro xeito. Aquí o proceso construtivo é moi semellante ao do Pindo, o de Aloia, o do Galiñeiro ou mesmo ao de Castro Valente (aínda que o Valente ten máis parecido coas murallas castrexas habituais). Muros grandes, grandes anacos de granito, peche de fallas graníticas, optimización dos recursos de construción, muros que atravesan ladeiras de pedra, e sillares enormes como ese que vos ensinei antes na base dos muros definitivamente non son castrexos… A ausencia de materiais pode ter que ver cunha ocupación estacional do recinto. E hai outro factor enigmático que comentabamos con Xurxo. Do mesmo xeito que Aloia parecía a versión máis grande dun modelo que se estende a fortificacións próximas coma o Faro de Budiño ou o Galiñeiro, aquí acontece igual. O Pindo está ao carón, e parece seguir o mesmo criterio construtivo…como un patrón cultural que se aplica a distintas áreas.

Tremendo enigma.

Como lembrarán os que asistiron ás miñas conferencias das Repúblicas de Homes Libres, unha das miñas maiores intrigas é atopar o rexistro arqueolóxico do que Xelmírez conta dos labregos das zonas do litoral atlántico da Terra de Santiago: esa práctica seminómade que os levaba a refuxiarse en montañas e speluncas durante os meses de verán, mentres vían chegar as flotas normandas.

De parola cos amigos entre penedos deixei levar a imaxinación, e imaxinei cabanas de materiais perecedeiros coas chemineas prendidas. Imaxinei á poboación do sur de Carnota, aos labregos de Lira, de Miñarzos e da contorna, resistindo na súa inexpugnable Torre dos Mouros as invasións normandas e a voraz piratería; se cadra este fora o refuxio dos seus ancestros, construído séculos atrás para outras invasións e inestabilidades do ámbito xermánico. Se viron o señor dos Aneis, lembrarán o Sagrario. Refírome a iso.

Hai un último detalle que acrecenta o enigma. Curiosamente dos poucos rexistros que coñecemos das estratexias de defensa dos bispos composteláns contra os normandos, é neste circo de Carnota onde coñecemos unha estratexia máis definida: a edificación de dúas fortalezas. Ambas as dúas fortalezas responden á visión e capacidades dun aristócrata feudal do século X: defendibles cunha guarnición escasa, castelos roqueiros relativamente asumibles por nobles que aínda non serán tan ricos como no século XV.

O enigma da Torre dos Mouros é que tampouco encaixa nese mundo medieval, cando menos dos nobles e dos aristócratas que a documentación nos conta. Está suspendido do tempo, cheo de interrogantes. Asegúrovos que imos tentar obter algunha resposta nos vindeiros meses. A ver se hai sorte.

Coda

Non podo menos que agradecer a Jordi Tato, neodescubridor deste lugar, por atreverse a comunicalo con entusiasmo e compartilo. Se non compartimos, non somos nada. Jordi creu neste lugar, contouno, guiounos xenerosamente e facendo un esforzo persoal, e non podemos menos que agradecerllo sinceramente e de todo corazón desde aquí. Tamén ao arqueólogo Luis Cordeiro, por acompañarnos ao alto destes momentos nun domingo. Despois de recoñecer o lugar, Luis deunos a boa nova: o Monte do Castro / Torre dos Mouros pasará a estar protexido no novo catálogo do PXOM de Carnota, como ben arqueolóxico, engrosando o amplo patrimonio histórico deste fermoso concello da Costa da Morte.

Señores, imos tentar resolver este enigma.

37 Comments

  1. 17 / Abril/ 2012

    A todo isto, verán que lle chamo indistintamente Monte do Castro ou Torre dos Mouros. O nome máis habitual parece ser Monte do Castro, e pode que haxa confusión con algunha outra localización arqueolóxica próxima… :-)

  2. Diego
    17 / Abril/ 2012

    Se organizades algo do estilo de Pena Furada, farei o posible por colaborar!
    Xa van sendo horas de darlle algo de pulo á arqueoloxía medieval, que na facultade parece que non existe…

  3. Nemigo
    17 / Abril/ 2012

    dóuche eu a cronoloxía… da caseta do can que se ve na foto:

    é tardo feista da variante cutre tellado

  4. 17 / Abril/ 2012

    Grazas, Diego, imos ver como vai a cousa. Insisto en que na cronoloxía movémonos con fíos moi finos e no campo das conxeturas e da arqueoloxía comparada, que dá datos nos que pensar pero obviamente non evidencias. Pero mesmos se é castrexo é especialmente interesante pola relación cos outros dous xacementos, a área espacial que ocupa, as súas dimensións, superiores á media, e a preeminencia claramente destacada e diferenciada no seu contorno…

  5. Ernesto
    17 / Abril/ 2012

    É fascinante a estratégia do território… da Antiguidade à época moderna antes de hoje…

    Cada dia mais me maravilha o continuum. Sem dúvida o conjunto é o sagrário dos sagrários… ;)

    De feito e digo pela guerra com o Francês e pelas anteriores contra ingleses, franceses, holandeses… turcos, normandos, piratas… parece que cada comarca e dentro dela cada espaço nodal estivesse desenhado, en forma de habitações, passos, pontes, caminhos e fortes estrategicamente colocados, para a autodefensa local, fechando o território em espaços estancos entre eles e preparado terra por terra para uma invassão externa e por mar… que podeia passar do local ao global em horas nas fasses mais organiçadas com esse fascinante e hierarquizado sistema de alarmas e dependências clánicas…

    Grandes, grandes achegas que penso que haveria que ir fixando no mapa de Fontan a fim de vê-las antes do estado moderno e as suas estradas…

    Saúde

  6. Antón Malde
    17 / Abril/ 2012

    A verdade que a espectacularidade e singularidade do lugar axitounos tanto o mais que o vento. O que será…?

  7. Elixio Vieites
    17 / Abril/ 2012

    A foto do can, con nós aí. E magnífica. O can escoita o relato coas orellas á espreita e parece un vello gardián no que queda do grande refuxio,(o seu último reduto), parece disposto a resistir e defendelo. Ata me gusta a caseta, coma unha metáfora do que deberon ser outras vixilancias máis inquedas con posibles inimigos no horizonte. “…é o pouco que queda do reino esvencellado”, como diría o poeta. Nota: non me lembro agora do nome do can, que foi recollido por Jordi do abandono e agora aí o temos, impoñente e feliz)

  8. odiegho
    17 / Abril/ 2012

    Coma sempre fermosa crónica do interesante achádego,… castelos baleiros enchendo territorios xa coñecidos….

    saúde.

  9. Antón Malde
    17 / Abril/ 2012

    O can chámanlle “Bruno”

  10. LAURA
    17 / Abril/ 2012

    DA GUSTO SABER COUSAS DESTAS E SABER QUE SE ESTA A MIRAR,

    GRACIAS

  11. Serxio Sendón
    17 / Abril/ 2012

    Mira que se de nenos xogabamos no Sagrario sen sabelo xd

    Probablemente visitaríades na ladeira oeste dun dos picos un penedo furado, que forma unha pequena cova no seu interior, era o que máis nos impresionaba do lugar. Á caseta que se ve na foto (a Casucha dos Monteros), probablemente teña máis de 50 anos, hai 20, cando íamos pasar os rapaces da miña quinta os domingo alí, xa so tiña restos das fiestras e da porta de madeira.

    Como curiosidade apuntar que, moi preto dalí, nunha escombrera que existía, (agora mirador) meu avó atopara, tamén hai uns 20 anos, os catro volumes do Geografía General del Reino de Galicia que se cita no artigo e que gardo na casa.

    Únome aos agradecementos a Jordi polo seu traballo sobre o terreo e tamén ao autor por facerme lembrar da importancia do lugar e transmitirnos a súa ilusión polo descubrimento.

  12. Arroás Vello Fodón
    17 / Abril/ 2012

    Sinto jodervos o achádego, pero eso o igual que o “Castro” de Mallou, non son máis que un monte de pedras que levan ahí postas a modo de paredes polas xentes gandeiras de Carnota desde fai moitos anos. A historia non se pode reinterpretar así a lixeira. Falo con conosimento de causa, xa que estiven por eses lugares unha chea de veses e o único que vin foron pedras, as mismas que os de Mallou ten nas paredes das súas hortas, os canteiros ian os montes cercanos a buscalas e picábanas alí mesmo. De feito no “Castro” de Mallou vense varias cuñeiras do traballo destes homes.

  13. Antón Malde
    17 / Abril/ 2012

    Pois non se digha mais! problema solucionado: é un monte de pedras duns canteiros que chamaban mouros, e traballaron en sitios que lle chaman castros!

  14. Fernando Alonso Romero
    17 / Abril/ 2012

    Me alegra mucho saber el interés despertado por dicho castelo, sobre el que hablé de su existencia, así como de su correspondiente leyenda, en mi libro “Historia, leyendas y creencias de Finisterre”,publicado en el año 2002, (2º ed. 2005) así como también en el libro “As nove Ondas” (Universidade da Coruña, 2003). Sospecho que se trata de un castelo de la Edad del Bronce, reutilizado en la Alta Edad Media como defensa contra las invasiones germánicas.

  15. Arroás Vello Fodón
    17 / Abril/ 2012

    O “castro” de Mallou está no máis completo abandono, alguén se dou conta de que aquelo non era Sta Tecla e deixaron morrer o conto. So queda un carteliño de lata moi decorativo, eso si.

  16. 17 / Abril/ 2012

    Amigo Arroás,

    Moito tempo libre tiñan estes canteiros para encher todos os montes de Galicia de muros!

    Íache dar un vínculo a un libro electrónico de memorias de escavación, para que puideras ver os achados do castro de Mallou, pero a Xunta retirouno da súa web.

    O castro de Mallou non é como o de Santa Tecla en tamaño pero é moi interesante. Recoméndoche que visites a parte escavada, que é a porta de acceso, e que está bonita.

  17. 17 / Abril/ 2012

    Serxio, a referencia á Xeografía do Reino de Galicia de Carré Aldao abandonada preto do castro é case poético, merece ser parte da historia deste post, sen dúbida. Vaia historia!

    Profesor Alonso, unha honra que visite este web e grazas polas referencias bibliográficas!

    Ernesto, é o “territorio como defensa”, algo fascinante. A configuración do espazo, da orografía, como unha superficie polifuncional. A min o que me ten fascinado, ademáis, é a capacidade de visibilizar, neste país, periodos culturais de fortificacións en función de pequenas variantes de centos de metros, como contaba o outro día en relación á Pena Grande de Oleiros. É tal a densidade do espazo que propicia esas cuestións.

  18. Elixio Vieites
    17 / Abril/ 2012

    Os arroases (Delphinus phocaena, seu Phocaena communis), teñen un sónar na cabesa que emite un click, andan a pescudar o entorno, nada lle é alleo. A cabesa garda un complexo cerebro. Dun só click esa estrutura marabillosa da natureza é capaz de localizar un calamar. Os mecanismo de comunicación destes cetáceos permítelle seleccionar as frecuencias e coller só as inmportantes, as que contan algo. A selectividade de sons permítelle compor un habitat, aínda que cada membro responde ao lugar donde evolucionou.

  19. Elixio Vieites
    17 / Abril/ 2012

    Por certo,a poética do libro da Historia General de Galicia tirado no escombro e monumental. (eu unha vez atopei un confesonario), así nos quedou a cabesiña.

  20. Antón Malde
    17 / Abril/ 2012

    Eu poso entender os desgostos de Mallou, agora Torre dos Mouros é unha evidéncia ben linda!

  21. Eladio
    17 / Abril/ 2012

    Interesante descubrimento.

    Elixio, +1 ó teu comentario sobre os arroases :D

  22. Luis
    17 / Abril/ 2012

    Fascinante, Manuel.
    Por certo, xa que o mencionas, é lamentable que xa non se podan consultar en pdf os anuarios de “Actuacións arqueolóxicas” publicados pola Xunta…

  23. brigantium
    17 / Abril/ 2012

    Manolo símplemente impresionante. Tes que pasar un día polo monte Xalo, tou seguro de que aquelo é un deses castelos das repúblicas dos homes libres. Cada vez que dou unha volta pola costa da Coruña e busco a referencia visual do Xalo, atópoa, é que aparte de controlar o Val de Veiga, ter os pes a Torre de Celas (de cronoloxía moito máis recente), pódese ver o mar dende a zona de Arteixo, ata a de Ferrol, vese o monte de Pena Furada como viramos in situ os días da intervención (non sei se te lembras) e hai abundantes restos de tégula (non sei se de cerámica). Se pasaras por alí un día que che coincida íache gustar, ó lado do Xalo, mirando dende o Val de Veiga a man dereita, aparece una cresta pétrea con catro ou cinco puntos altos que semellan as almeas dun castelo, non sei, igual estou trabucado, non teño nin a prática nin os coñecementos que tedes vos, pero a pinta que ten é moi, moi interesante.
    No tema culinario, os pes, do Xalo, en pleno Val de Veiga, tes unha casa de comidas tradicional de moita sona, Casa Bibiana, en Vinxeira, eu non a coñezo persoalmente, pero ten moitísima sona, supoño que algo terás ouvido dela.
    O dito, graciñas pola información deste marabilloso blog, ségoche a diario.

  24. G.
    17 / Abril/ 2012

    Gracias por compartir fascinante historia de patrimonios esquecidos..

  25. marga
    18 / Abril/ 2012

    Desde Lira mi más cordial enhorabuena,por hacernos partícipes en conocer nuestro entorno,lugares maravillosos que muchas veces no sabemos apreciar.
    Vivo ocasionalmente en esta aldea rodeada como sabéis de mar y montaña pero.. cuando salgo a dar una caminata, siento que el corazón se me encoje,al ver toda clase de residuos que hay.
    Posiblemente estos restos sean traídos por el mar,pero muchos deshechos son tirados por nosotros.
    Por favor,hagamos SENDERISMO disfrutemos de la naturaleza y respetemos nuestro entorno.
    Puedo deciros si tuviera medios o supiera como hacerlo,pondría carteles por toda la costa con un eslogan..
    Un cordial saludo a los que habéis hecho este trabajo

  26. 18 / Abril/ 2012

    Ola. Impresionante o descubrimento! Certamente este tipo de achados fan pensar que aínda hai moito por descubrir.
    Olla, eu son mestra nun colexo de Budiño, no Porriño. Temos en mente un proxecto de recollida de datos do patrimonio material e inmaterial da nosa zona, por parte dos alumnos máis grandes do colexo. Eu non son da zona, senón que son da Terra Chá, así que non sei moito sobre Budiño e o seu patrimonio, máis aló de saber localizar o Faro e as tristes gándaras, arrodeadas do formigón do polígono industrial. A cousa é que mencionas un “forte” que estaría situado no Faro de Budiño. Onde podería documentarme sobre o tal forte e como podo localizalo para ir alí a comprobalo? Grazas e saúdos.
    Esther

  27. 18 / Abril/ 2012

    Ola, Esther:

    Aquí tes moita info:

    http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2011/03/02/republicas-de-homes-libres-o-faro-de-budino-e-o-misterio-das-furnas-video/

    E para completar podes acudir ao magnífico libro de Jaime Garrido sobre antigas fortalezas da provincia de Tui.

    Fíxate na historia que conto do Catabún, que aso steus rapaces do cole lles vai encantar. Se eles recollen datos sobre lendas do Faro de Budiño interésame moitísimo. Pídelles que pregunten por lendas da Cova dos Nenos (que tamén sae no post que menciono).

  28. remedios beiro garcia
    18 / Abril/ 2012

    Cando tiña 12-14 anos mais ou menos subia cas miñas amigas a facer merendolas, é acordome perfectamente que me gustaba de unha forma especial xogar ahí, por que tiña marcada a miña zoa, elexia a cociña, a sala, estaban as pedras levantadas, como formando casiñas.Ahora que estou a ler este descubrimento, cheganme os recordos gratisimos.

  29. Ernesto
    19 / Abril/ 2012

    Pois é… fascinante mesmo… a acmulação, a durabilidade e reinterpretação dos espaços defensivos… e a sua prolongação… a massa humana e coletiva que evidenciam…

    Quanto há que aprender do território… quanto…

    Obrigado e saúde

  30. puede ser
    21 / Abril/ 2012

    O que di Arroas é ben lóxico, aínda que o diga ó bruto. Non sei por que o descalificades sen dar razoamentos. Eu mesmo o pensei vendo as fotos e antes de o ler.
    1.- ¿Por que estades seguros de que non son compatibles un uso gandeiro con outro defensivo?
    2.- ¿Por que amurallar espazos tan grandes?, a máis muralla máis facilidade para atacar
    3.- A dobre muralla pode ser una forma de separar o gando de cans pastores ou de vixiantes humanos
    4.- As bases de esas murallas tiveron que ser feitas con animais de tiro, ¿non?
    5.- ¿Onde metían o “gando salvaxe” os antigos para protexelo dos máis frecuentes depredadores?
    6.- ¿Cómo se pode resistir un asedio sen auga, nin construccións, nin posibilidade de escape?

    Saúdos e gracias a todos polas aportacións.

  31. Magago
    21 / Abril/ 2012

    Ola, puede ser,

    Quen dixo que eran incompatibles usos agrarios ou gandeiros e militares? Miremos castros e antecastros.

    Murallas grandes terán que ver con poboación grande?

    O asedio prolongado é unha técnica dos exercitos regulares e feudais, non das bandas de pillaxe do Ferro ou da pirataría.

    Parto da base de que os nosos vellos eran tipos listos e só traballaban o xusto. As serras galegas están cheas de instalacións gandeiras que están perfectamente tipificadas nos libros de etnografía agraria e que son un patrimonio de séculos. E non teñen que ver, obviamente, nada con isto.

  32. Xan
    25 / Abril/ 2012

    Boas, non sei se é aquí que debo comentalo, pero ao fío desta Torre dos Mouros e de posíbeis fortificacións medievais quería chamar a atención sobre dous xacementos:
    En Candeán (Vigo) existe a tamén chamada Torre dos Mouros, uns restos de pequenas dimensións de orixe medieval e sen prácticamente biliografía nin referencia ningunhas (alén da tradición oral) no que se supón que é unha pequena torre de vixiancia do século XIV ou XV pertencente ao Bispado de Tui. Coas árbores medrando enriba e un esquecemento total imaxino que aínda agacha motas cousas interesantes para cando alguén decida meterlle o dente.
    E o sábado pasado estiven nos montes de Coto da Eira e Coto Erbededa, unha estribación cara a ría de Vigo da Serra do Suído. Alí, a máis de 800 m.s.n.m. dei co que os mapas chaman “Coto da Cerca” un monte un pouco máis baixo e que se sitúa entre os dous nomeados. Na zona suloeste, a media ladeira e unindo cotiños de pedra natural, atopei os restos dun muro esborrallado de varias ducias de metros. Os toxos e outro mato impedíronme ver ben o resto de puntos cardinais arredor do Coto, pero comecei a elucubrar se non sería -alén de cercas para o gando- algo relacionado coas fortificacións altomedievais en altura. É moi aventurado dicilo, pero logo comprobei que existe unha referencia da chamada Batalla de Fornelos desenvolvida nas achegadas Chans de Ventín en 969 entre as tropas do arcebispo Sisnando II e os normandos…

  33. Rafael dos Outerios
    8 / Xaneiro/ 2013

    Mais eu creo que xa faltan os vellos de antes para que nos expliquen o que enralidade era eso. E tanto o noso dexexo de atopar algo que sea historico que nos ponemos a buscar explicacions onde sempre as hubo. Eu creo que a base de non cultivar o nosos antepasados perdemonos en historias sin sentido. Cando rapaz eu tamen caminei eses parades, fun a caseta dos monteros e para min eso non e mais que paredes feitas polos pastores de antes que gardaban o gando no monte.Eu creo que as murallas estan feitas para que a xente este detras delas e supuestamente que pasen tempo detrás delas. Se eso foran marallas de proteccion, que e o que gardaban? onde esta o que protexian? Foron alladas algunha arma? foron alladas alguns restos humanos? unha copa para beber, noutras palabras, algun articulo feito por humanos? non!!!. por que? porque esas pedras foron postas para que os animales non se marcharan, tantas como outros emplazamentos que se atopan na nosa zona, pero a mais pequena magnitude.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará