O norte do noso sur: estampas do Douro

amarante_2.jpg
Espera eterna en Amarante. Fotos: Sole e Manolo

amarante.jpg
O mosteiro de San Gonçalo en Amarante

mateus.jpg
O Solar de Mateus, en Vila Real

pinhao.jpg
O val do Douro con Pinhão en medio plano

Ao noso naufraxio viaxeiro desta Semana Santa decidimos salvalo, prendendo o coche e enchendo os ollos con vistas memorábeis do norte do noso sur. Por riba do río Douro, a densísima trama poboacional, que enche de coches e casas canto val verde se abre diante dos ollos, deixa lugares marabillosos. Non coñecía Amarante, unha deliciosa vila aos pés do río Támega, e o magnífico conxunto renacentista do mosteiro de San Gonzalo. Amarante aínda conserva ruínas queimadas da Guerra Peninsular, que é como lle chaman por aquí, con bastante máis criterio, á Guerra da Independencia.

O Solar de Mateus vén sendo o Pazo de Oca do norte do país, un pequeno tesouro irreal contruído polos Morgados de Mateus no século XVIII. Esta fantasía, non por mil veces concorrida e excursionada, é menos fermosa. Ao pazo rodéano xardíns xeométricos e afrancesados, e todo el é un magnífico exemplo de elegancia. Do interior, o máis notábel é a Biblioteca, con primeiras edicións de Os Lusíadas e curiosidades, para quen lle guste remirar na correspondencia familiar aristócrata, como unha carta de expulsión de Francia, no puro estilo conflito migratorio España-Brasil, que Talleyrand, o plenipotenciario ministro de finais do Antigo Réxime e a post revolución francesa, lle envía a un membro da familia Mateus.

A penas puidemos ver o que en futuras viaxes pararemos e nos deteremos: o Douro vinícola. Esta paisaxe, patrimonio da Humanidade, é grandiosa e extensiva. Fe e paixón nun negocio que deu moito diñeiro ao país, e que tamén o sacou, a xulgar por todos os nomes de adegas de clara orixe británica. Vendo o Douro, observamos como o viño puido transformar unha paisaxe. Todo isto puido ter acontecido -pensaba- no Ribeiro. Hoxe, camiñamos por estas pequenas estradas prometéndonos volver de vagar. Como sempre hai que volver a Portugal.

5 Comments

  1. 24 / Marzo/ 2008

    Diches cunha pastelería mítica que hai moi preto de San Gonzalo de Amarante?

    Penso que a coñecín a través da Viagem a Portugal de Saramago (aínda que non estou seguro) e ben que merece a visita.

  2. 24 / Marzo/ 2008

    Non, pero é curioso a gran cantidade de pastelerías que hai na vila. Nelas é famoso o seu biscoito de castañas. Tiña moitas gañas de probalo pero eran demasiado grandes!

  3. 24 / Marzo/ 2008

    Assi como non compreendo o vosso “naufrágio no Gerès”, entendo que a viagem quedara “salvada” nos vales do Douro.

    À fermosidade da paisagem, podes sumar a experiéncia da cata e visita das excepcionais quintas de Tourigas e Roris.

    No Douro, arquitectos-iconas como o Siza están a construir adegas e hoteis. Hai toda unha nova geración a recolher o relevo… hai visitas organizadas, degustacións, venda de vinho, catamaráns polo río, caminhos de ferro históricos em funcionamento… experiéncias para gozar desses `socalcos´ de vida. Umha vez mais, ao voltar a casa, a nossa realidade galega mostra-se crua: Cualquera comparación co Ribeiro resulta brutalmente áceda.

    A conclusión é que temos muito que aprender, muito que fazer… e que aínda é possibel.

    Achego unhas fotografias para documentar a minha enveja galaica ao Sul (Son do mes de maio pasado, quando as vinhas e mapoulas mostram todas as cores… convém marcar datas para esta excursión inexcusabel).

    http://nachom-galiza.blogspot.com/search/label/Douro

  4. 24 / Marzo/ 2008

    Fantásticas fotos do Douro e interesantes referencias de Quintas, Nachinho! Quedan anotadas para unha futura visita.

    O do Gerês, como digo no post, supoño que foi un proceso curioso: non encaixar no tempo axeitado no lugar convinte. Dareille outra oportunidade a eses montes, por suposto, dentro dun tempo.

  5. 25 / Marzo/ 2008

    marabillosa a foto da eterna espera…que protagonista tan elegante e serena

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará