Ausencias e presencias

Chema Madoz
Chema Madoz

Hai veces nas que a vida nos deixa tempo para proxectarnos e outras nas que hai que facer traballo cara dentro. A ausencia de InnovArte nestes últimos tempos foi debida a unha desas épocas nas que hai que coidar máis do que nos rodea. Mesmo valoramos que chegara o momento de pechar un capítulo.  Con todo, non deixou de medrar, non hai día no que non recibamos solicitudes de amizade a través das redes sociais, maiormente de estudantes e persoas que opositarán en breve. Isto énchenos de satisfacción e danos azos para pensar que o traballo desenvolvido ao longo de seis anos, aínda está vixente, sendo de utilidade para moita xente. Pouco máis se lle pode pedir,  isto, ata nos fai crer que somos coma Frederick, o ratiño poeta de Leo Lionni que durante as épocas de escuridade se alimentaba cos raios de sol colleitados durante o verán.

Queremos agradecer todas as mensaxes que recibimos estrañadas polo parón do blog, ao tempo que nos daban razóns ou ánimo para continuar. Sentimos ben non poder aceptar todas as invitacións que nos fixeron para participar en actividades, eventos ou publicacións, pero noutra será.

Aínda así, non deixamos de ler, de descubrir e de comezar a andaina cun novo grupo, de modo que, agora que clarexa o horizonte, iremos compartindo o vivido.

Deixar un comentario