A ira dos mansos, de Manuel Esteban

Manuel Esteban

A ira dos mansos

Xerais, Vigo, 2016, 192 páxinas,  16,65 €

 

 

Primeira novela, e primeiro éxito, do profesor e médico Manuel Esteban que, con A ira dos mansos, gañou o Premio Xerais de Novela 2016 que agora ve a luz

 

 

Non oculto a miña alegría por constatar a incorporación dunha nova voz ao noso sistema literario e porque esta o fai con méritos abondos como se demostra nestas páxinas que volven a ollada a Vigo como cidade literaria, percorrendo espazos que se asentan nun triángulo conformado polo edificio Bandeira, a rúa Ramón Nieto e a rúa Churruca. Velaquí unha novela viguesa, abofé que si, mais tamén universal e intensa, onde a cidade configura a atmosfera precisa para construír unha novela negra ou policial, neste caso desenvolta co ritmo acaído, secuenciada con acerto e dona dun xogo irónico e de contrastes moi acusado onde as reviravoltas argumentais, relatadas con inequívoca habilidade, encaixan na formulación máis canónica do xénero.

         Con todo, hai algo máis sobrevoando as páxinas desta novela que a fará moi gorentosa para quen queira internarse nela. O xénero escollido esixe que os dous conflitos que desanoan o argumento avancen cara á súa resolución mais, parellamente, consígnase un progresivo cuestionamento dos tópicos e falsas convencións sociais verbo das persoas coa síndrome de Down. A instancia autorial revélase como o gume que se introduce na epiderme, para ir logo ao fondo, dun mundo toldado polos prexuízos e, deste xeito, constrúe unha proposta que conmove pois diante tanto do asasinato de Violeta, unha moza con síndrome de Down, como da acusación de homicidio que recae nuns mozos noutra historia posterior, evidénciase como é preciso aprender, exhibir outras actitudes e informarse se é o caso, tal e como o cáustico investigador Carlos Manso ten, á forza, que facer.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 21 de outubro de 2016, baixo o título de “Novela viguesa, universal”.